eJournals Vox Romanica 65/1

Vox Romanica
vox
0042-899X
2941-0916
Francke Verlag Tübingen
Es handelt sich um einen Open-Access-Artikel, der unter den Bedingungen der Lizenz CC by 4.0 veröffentlicht wurde.http://creativecommons.org/licenses/by/4.0/121
2006
651 Kristol De Stefani

Gabrielle Knauer/Valeriano Bellosta von Colbe (ed.), Variación sintáctica en español. Un reto para las teorías de la sintaxis, Tübingen (Niemeyer) 2005, 232 p.

121
2006
Xosé  Soto Andión
vox6510268
Así pois, calquera lector que queira bucear na problemática tarefa da descrición e prescrición de linguas así coma nas pescudas dos seus difusos lindes ha de se deter nas recomendables páxinas deste interesante volume. Xosé Soto Andión ★ Gabrielle Knauer/ Valeriano Bellosta von Colbe (ed.), Variación sintáctica en español. Un reto para las teorías de la sintaxis, Tübingen (Niemeyer) 2005, 232 p. A miúdo estamos afeitos a nos atopar con traballos ben de corte funcionalista ben de corte xenerativista en volumes monográficos fechados e reservados en exclusiva a participantes desta ou daquela teoría. Este tendencia rómpea a obra que aquí presentamos. Trátase dun libro que amosa un feliz encontro de investigacións tanto de carácter funcionalista coma xenerativista, que permiten ao lector especializado profundar no suxerente tema da variación sintáctica dende unha perspectiva metodolóxica e teórica tamén variada. Os contidos que se abordan son de moita actualidade, pero non por iso definitivamente resoltos, como acontece cos das variantes posicionais - que por veces oscilan entre a opción e a incorreción - referidas á posición do suxeito e dos complementos. Calquera lingüista que goste da sintaxe gozará coa súa lectura. Os temas tratados expoñen a variación sintáctica dende as seguintes perspectivas de investigación: - A lingüística de corpus e a gramática xenerativa. - A orde de palabras e a estrutura informativa: posición do suxeito, posición dos complementos directo e indirecto nas construcións ditransitivas. - As relacións entre a estrutura prosódica, informativa e sintáctica. - A variable prosódica foco e a súa relación coa sintaxe. - Os problemas da codificación variable das funcións sintácticas. - A cuestión do suxeito nulo fronte ao expletivo. - A perspectiva histórica da gramaticalización do acusativo preposicional, é dicir, a variación na marcación do complemento directo (Ø/ a). - A problemática que atinxe ás formas pronominais le/ les, la/ las, lo/ los como marcadores da función de complemento indirecto, así coma o leísmo en castelán en contornas sintácticas que o favorecen. - A expresión de funcións non argumentais en relación cos pronomes le/ les. - As oracións copulativas e a función sintáctica de atributo: variación ser/ estar. - A presenza/ ausencia de preposición de con verbos de réxime preposicional (queísmo): acordarse, preocuparse, sorprenderse . . . Aínda que os artigos toman como base de estudo a lingua española, os casos e problemas que tratan son dunha dimensión universal e convértense en repaso obrigado para calquera lingüista, con independencia da lingua na que centre as súas pescudas científicas. O feito de conxugar distintas correntes teóricas parécenos un acerto porque o lector adquire unha perspectiva múltipla do obxecto de análise (neste caso a variación sintáctica) que enriquece os seus coñecementos e amplía as súas posibilidades de actuación sobre este obxecto. É verdade que a preocupación pola variación sintáctica non é algo totalmente novo, pero esta multiplicidade de enfoques e as reflexións metodolóxicas presentadas son menos coñecidas (por exemplo, na lingüística están pouco analizadas as relacións entre prosodia e sintaxe). Outro aspecto que non deixa de chamar a atención é a oposición entre gramática funcional e xenerativa no tocante ao manexo de córpora. O rexeitamento que fai o xenerati- 268 Besprechungen - Comptes rendus vismo dos córpora pola súa arela de procurar estruturas formais limita en certo modo a exhaustividade e peso dalgúns dos seus argumentos, aínda que tamén é ben sabido que un corpus nunca contén todos os datos posibles nin todas as variacións existentes en relación co fenómeno estudado, por isto convén botar man en paralelo doutros datos de fóra do corpus que reforcen as nosas conclusións (novos córpora diferentes ao propio, a competencia do investigador como falante, anotacións . . .). Coidamos que hai neste libro moito de descrición da variación sintáctica, pero non demasiado de prescrición en relación coas variantes: son sempre todas elas igual de correctas? , sono unhas máis ca outras? , que graos hai de corrección ou de incorrección? Con todo ben é verdade que ao describir en ocasións se adoita, explícita ou implicitamente, priorizar unhas determinadas solucións sobre outras e establecer modelos ou prototipos; e tamén é evidente que nalgúns traballos do libro se enfatiza o carácter gramatical ou agramatical de determinadas construcións. Ocorre en case todas as linguas que a posible agramaticalidade dalgunhas estruturas é con frecuencia difícil de establecer ao se atoparen nos lindes da gramaticalidade ou constituíren fases incipientes de mudanzas que semellan estarse a producir e que máis tarde o uso consagrará ou non como definitivas. Sempre se afirma que a variación resulta moi produtiva no léxico por se tratar dun terreo aberto e susceptible de dinámicas continuas de todo tipo, de aí que sorprenda un chisco comprobarmos a existencia da amplitude de fenómenos que entran en xogo na variación en sintaxe. Así pois, falamos dun libro dirixido a especialistas, de recomendable lectura e de incontestable interese para a disciplina. Xosé Soto Andión ★ 269 Besprechungen - Comptes rendus