Vox Romanica
vox
0042-899X
2941-0916
Francke Verlag Tübingen
Es handelt sich um einen Open-Access-Artikel, der unter den Bedingungen der Lizenz CC by 4.0 veröffentlicht wurde.http://creativecommons.org/licenses/by/4.0/121
2007
661
Kristol De StefaniConstantino García/Antón Santamarina (ed.), Atlas Lingüístico Galego. Volume V. Léxico.O ser humano (i), A Coruña (Fundación Barrié de La Maza) 2005, 589 p.
121
2007
Xosé Soto Andión
vox6610374
fehler (llnar auf p. 34) verringern die Qualität dieses Buches keineswegs, das uns die Tür zum faszinierenden und höchst aktuellem Bereich der Sprachdynamik und dem des Sprachwandels eröffnet. Sabine Ehrhart ★ Constantino García/ Antón Santamarina (ed.), Atlas Lingüístico Galego. Volume V. Léxico. O ser humano (i), A Coruña (Fundación Barrié de La Maza) 2005, 589 p. No ano 2003 saía do prelo o vol. IV do Atlas Lingüístico Galego, un proxecto de investigación que baixo o mesmo nome se desenvolve no Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Inauguraba un formato renovado, que se continúa no actual volume V, con tapas brandas e dimensións máis reducidas; moi manexable, xa que logo, como obra de consulta. Aínda que nós prefiramos tamén este novo formato, cómpre dicir na defensa dos anteriores que boa parte dos atlas publicados en ámbitos lingüísticos diferentes ao noso adoitan ser de tapas duras e de tamaño medio (Atlas Lingüístico de Castilla y León, Atlas Lingüístico y Etnográfico de Aragón, Navarra y Rioja, Atlas Lingüístico y Etnográfico de Andalucía, The Linguistic Atlas of England . . .), grande (Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, Atlas lingüístico-etnográfico de Colombia . . .) ou moi grande (Atlas lingüístico de México . . .). Ademais do dito, ese volume IV abría unha nova serie de traballos centrada no eido das variantes léxicas organizadas por campos semánticos, nesa ocasión a quenda fora para o tempo atmosférico e cronolóxico. Pois ben, seguindo este vieiro publicouse o actual volume V, que aborda o léxico relativo á dimensión física do ser humano, abrindo pola súa vez un novo ciclo de traballos concentrados nesta temática, que no futuro pretende continuarse co estudo das variantes que dean conta da dimensión psicolóxica e social. Observamos que a diferenza doutros atlas, como acontece con algúns dos nomeados atrás, o galego limítase exclusivamente á lingua, desbotando das súas páxinas a temática etnográfica, case sempre acompañada de ilustracións e fotografías, que facilitan a comprensión dalgúns vocábulos. A maior ou menor utilidade dun ou doutro modelo dependerá da finalidade que se persiga e dos destinatarios en que se pense. Acostuma falarse de atlas lingüísticos de grandes dominios e de pequenos dominios coma por exemplo o andaluz, gascón, corso e mais o caso que nos ocupa, que comprende o territorio galego e os estremeiros de Asturias, León e Zamora. Esta obra ten como base 167 enquisas de traballo de campo, realizadas nos anos 70 nestes puntos xeográficos e proxectadas aquí en trescentos mapas de distintas escalas. Malia que a información achegada é ampla, os autores advirten que o especialista poderá atopar máis datos en determinado material complementario, moito del inédito, constituído por certos traballos sobre falas, principalmente memorias de licenciatura. Mágoa que o Atlas non se enriqueza xa con novas achegas destes estudos realizados nos anos oitenta e noventa, para poder así propagar os resultados daquelas pescudas que case ninguén coñece; sería unha boa oportunidade de divulgar eses resultados entre a comunidade científica e tirar proveito dun esforzo de ducias de mozos investigadores que con grande empeño realizaron un importante labor de recolleita e estudo de variantes dialectais. O actual volume apaña conceptos relacionados coas partes do corpo (cabeza, xeonllo, pálpebra . . .), as accións (petiscar, esbirrar, axexar . . .) e as características físicas humanas (chato, moreno, tatexo . . .). Ao comezo da obra os autores explican polo miúdo a técnica e metodoloxía empregadas, o que lle outorga rigor e credibilidade ao traballo realizado. As variantes dialectais distribúense en cadanseu mapa mediante símbolos xeométricos de co- 374 Besprechungen - Comptes rendus res (triángulos, cadrados, círculos, estrelas . . .). As palabras de uso máis frecuente levan cor negra e as raras cores e símbolos rechamantes. Existen outros xeitos de proceder, como se pode comprobar nos atlas preparados por Alvar (algúns dos nomeados ao comezo), que sitúan as variantes transcritas foneticamente no interior de cadanseu mapa, en tamaño de letra reducido. Isto pode facilitar a localización máis doadamente nunha primeira ollada, pero se o analizamos engorde o procedemento é máis confuso có seguido nos atlas galegos. Este volume V estrutúrase do seguinte modo. Os mapas 1 a 81 ocúpanse do léxico relativo á cabeza e extremidades, rematando coas variantes do sangue (o/ a sangue, sancre, o/ a sangre . . .). Os mapas 82 a 84 céntranse no cuspe e nas bágoas. Os que van do 85 ao 109 refiren características físicas do ser humano (anano, gordo, feo, moreno, cabezón, pálido . . .). Os numerados entre 110 e 176 ofrecen información sobre denominacións de doenzas e malformacións físicas (toco, tatexo, papeiras, xarampón, borrecas . . .). Os comprendidos entre o 177 e o 291 dan conta de accións e sensacións (petiscar, tragar, beliscar, avantar, cuchichar, salucar . . .). Observamos que os últimos mapas, o 289 (medrar), 290 e 291 (envellecer, imitarse) parecen quedar algo descolocados no conxunto da obra, talvez entrasen mellor no grupo de mapas referidos ás características físicas. O feito de representaren accións máis ca calidades ou características do individuo probablemente fixo que os autores optasen por esta agrupación. Os títulos dos mapas responden a criterios heteroxéneos, en xeral adoita seleccionarse a variante máis común ou máis amplamente representada. En principio, esta parece ser unha boa solución. No entanto, outras veces bótase man de criterios dispares como son a consideración máis ou menos adecuada dun vocábulo consonte sexa ou non castelanismo, vulgarismo ou estea aceptado polo VOLG (Volume Ortográfico da Lingua Galega), etc. Estes últimos criterios, máis subxectivos e aplicables de ordinario ao estándar, igual non teñen a mesma relevancia canto ao grao de aplicación á hora de lle dar título a mapas pertencentes a un traballo de carácter dialectal. Os mapas están complementados con notas a pé de páxina referidas ao número do cuestionario do que proceden os datos, con outras respostas obtidas, con transcrición fonética e información fónica para as formas da lenda, con información adicional e gramatical, ás veces variantes non diatópicas e por último con aspectos sociolingüísticos. Toda esta información fai da obra un traballo dos máis completos no seu xénero. O volume remata cunha serie de índices, que lle facilitan ao lector dar coa forma procurada nun momento dado: índice de mapas, índice de formas e índice xeral. A rede de puntos de investigación semella bastante ampla. Na introdución do primeiro volume desta serie de atlas infórmasenos de que a distancia entre as localidades de recolleita foi duns vinte quilómetros. Emporiso, botando man de traballos inéditos talvez fose posible obter unha escala máis densa, de tal xeito que quedasen rexistradas variantes dialectais mesmo a nivel de parroquias e lugares próximos; claro que unha información achegada tan polo miúdo precisaría de volumes descomunais, prolixos e ata pouco manexables. Na introdución din os autores que o cuestionario inclúe as preguntas do Atlas lingüístico de España e Portugal e do Atlas linguarum Europae. Así e todo pode que resultase interesante que os volumes do Atlas publicasen a enquisa utilizada no traballo de campo. O AliR ou o Atlas lingüístico e etnográfico de Portugal e da Galiza publican cuestionarios. Debemos lembrar que o tipo de pregunta e o xeito de formulala determina en ocasións unha ou outra resposta. Doutra banda, contribuiría a crear un modelo e marco de traballo que servise de guía a novos investigadores continuadores do tema. Imos rematar lembrando que nun momento en que a transmisión xeracional do galego se pon en dúbida, excelentes obras destas características resultan de extrema utilidade para a conservación do léxico patrimonial e da fala cotiá, sobre todo de cara á súa transferencia 375 Besprechungen - Comptes rendus ás novas xeracións. A ansia por coñecer a lingua estándar, que é a proxectada dende as escolas, medios de comunicación e administracións, unido á desaparición dos falantes de máis idade son feitos que contribúen ao desuso e esquecemento das variedades dialectais. Grazas a publicacións tan ben levadas coma o Atlas axudamos a preservar o patrimonio oral do país e a normalizar o uso da lingua. Alén do manifestado, este tipo de obras son de uso recorrente para os especialistas, filólogos e lingüistas, das que sempre tiran proveito para as súas investigacións (lingua moderna, historia da lingua, estudos comparativos . . .) e para o seu labor docente. Sería desexable que nun futuro próximo se preparase algún volume que recollese variedades sintácticas, un traballo tan complexo coma apaixonante. Existen xa atlas destas características, vennos agora á mente o inglés The Linguistic Atlas of England, que mestura mapas de carácter fonético, léxico, morfolóxico e sintáctico e no que a información sintáctica vai referida a variantes diatópicas relativas á orde de palabras (give me it/ give it me). Pois ben, seguindo esta liña, as investigacións do atlas galego deberían tamén chegar a abordar a variación sintáctica dende a vertente xeográfica, co mesmo rigor que veñen demostrando ao longo de todos estes anos. Xosé Soto Andión ★ 376 Besprechungen - Comptes rendus
